Excmo. Sr. Alcalde
D. José César Parente Pérez
Corazón da Ribeira Sacra. Hai uns anos que comentaba nesta mesma páxina que afrontaba o reto de asumir a responsabilidade de desempeñar a alcaldía de Nogueira de Ramuín e que o facía co compromiso de traballar para todos os veciños e para conseguir que a nosa comunidade se convertese nunha referencia para a comarca e a provincia. Tivemos que afrontar tempos difíciles, metidos no medio da crise económica, para traballar na rebaixa da débeda e para conseguir, ao mesmo tempo, melloras e servizos que ofrecer aos nosos veciños. Avanzamos, aínda que ao mellor non na medida que nós quereríamos. Malia todo fomos quen de ser ese referente con propostas e iniciativas que nos teñen distinguido ao longo deste tempo.
O obxectivo de futuro pasa por aproveitar as potencialidades que temos como o corazón da Ribeira Sacra. A Xunta declarou BIC (Ben de Interese Cultural) a zona e o Consello do Patrimonio Histórico, reunido no parador de Santo Estevo, decidiu que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a única que represente a España para conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco no ano 2021. O reto de Nogueira de Ramuín pasa agora por reivindicarse como o que é, a cerna da Ribeira Sacra, e nesa liña encamiñaremos os nosos esforzos, co convecemento e a certeza que o recoñecemento da Unesco servirá para dinamizar o municipio, e a zona en xeral, crear emprego e pomover novos investimentos e iniciativas e atraer a un maior número de visitantes. Porque contamos con moitas potencialidades para ser un dos principais referentes turísticos da comarca, ao ter elementos singulares e únicos como o parador de Santo Estevo, que ano a ano figura como o mellor valorado polos clientes que se achegan a esta rede en toda España, a riqueza histórico-artística de igrexas como as de San Martiño de Nogueira, San Cristovo de Armariz ou Santa María de Faramontaos, paraxes naturais e rutas de sendeirismo que cada vez atraen a mais persoas de toda Galicia, mámoas, muíños, pazos e outros recursos. E porque somos, e iso forma parte do noso sinal de identidade, a patria dos afiadores e como tal defendemos orgullosos ese legado e o patrimonio inmaterial que supón un oficio que levou o nome de Nogueira de Ramuín por todo o mundo e que segue a dar froitos e novas iniciativas, como o libro do barallete que vimos de publicar. O futuro vaise escribir co nome da Ribeira Sacra e Nogueira de Ramuín será unha das canles polas que pasará ese novo escenario. E, entre todos, imos conseguilo. César Parente. Alcalde de Nogueira de Ramuín.

dirección

Plaza Mayor nº3
32160 Nogueira de Ramuín
Ourense

Contacto

telf: 988 20 10 23
fax: 988 20 11 20
info@nogueiraderamuin.com