Nogueira de Ramuín, terra de ambulantes.
Coñecíase pola Chaira unha demarcación xeográfica que comprendía varios concellos do norte da provincia de Ourense (A Peroxa, A Pobra de Trives, A Teixeira, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, Manzaneda, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allaríz, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, San Xoán de Río e Xunqueira de Espadanedo).

No século XIX, debido as condicións socioeconómicas do momento, xurdiron desa comarca varios oficios de condición ambulante. Afiadores, paraugueiros, cerralleiros, barquilleiros, latoeiros, comerciantes de ouro e prata, quincalleiros, cordeeiros, capadores e outros, tiveron que saír a percorrer os camiños para ofertar os seus servicios por vilas e pobos moi afastados da súa terra natal.

De todos estes profesionais da ambulancia, foi a figura do afiador e paraugueiro a que máis transcendeu universalmente, chegando a percorrer tras da súa roda toda a península Ibérica e moitos países do resto do mundo.

Varios dos concellos antes mencionados proveron de homes a este colectivo pero o que ten a fama de ser o berce dos afiadores e da súa ferramenta de traballo a roda de afiar, chamada por eles “Tarazana”, a cal desprazaban a modo de carretilla polos camiños, é o de Nogueira de Ramuín.

Foron estes emigrantes de ida e volta os que aportaron o sustento a moitas familias do noso municipio ata ben entrada a segunda metade do século XX, e os que levaron o nome de Galicia e Ourense polo mundo adiante.

Pouco a pouco a industrialización en países do centro de Europa ou mesmo en destinos nacionais como Cataluña e Euskadi, así como o comezo das obras da presa de Santo Estevo, foron cambiando as preferencias laborais das novas xeracións nas décadas dos 50, 60 e 70, quedando cada vez menos profesionais que seguisen practicando estes oficios ambulantes e chegando a desaparecer a maioría deles nas décadas seguintes coa apertura ás importacións de produtos de moi baixo custe procedentes de países asiáticos.

A importancia deste emblemático personaxe en Nogueira de Ramuín queda patente na estatua instalada en Luíntra dende o ano 1971, obra do escultor Manuel García 'Buciños', e na presencia da 'Tarazana' tanto no escudo heráldico do concello como na súa bandeira.
O BARALLETE
Oito son as xergas recollidas en Galicia e que empregaron en tempos pasados distintos colectivos gremiais.

A Lafrada ou Verbo dos Albaneis de Bueu
O Lapizarro ou Verbo dos Bogardeiros (cesteiros) de Mondaríz
O Verbo dos Arguinas (canteiros) de Terras de Montes
O Verbo dos Chafoutas (albaneis) de Tomiño
O Verbo dos Cabaqueiros (telleiros) do Rosal
O Barallete dos Grañudos (comerciantes) do Covelo
O Barallete dos Xingros ou Verbo dos Xingreiros (músicos) da provincia de Ourense
O Barallete dos Ambulantes ourensáns

O Barallete dos ambulantes ourensáns, tamén coñecido como O Barallete da Chaira ou a Fala dos afiadores e paraugueiros, é unha xerga empregada antano por un colectivo integrado por distintos profesionais da ambulancia que xurdiron de varios concellos do norte da provincia de Ourense, sendo esta característica unha das que a diferenza do resto de linguas ou falas especiais rexistradas na nosa comunidade. O Barallete non é unha fala exclusiva dun gremio específico e a empregaron entre outros : afiadores, paraugueiros, cerralleiros, quincalleiros, comerciantes de ouro e prata, cordeeiros, capadores e latoeiros.

Ao parecer, segundo recolle o doutor en filoloxía Jorge Rodrigues Gomes no seu libro Falas Secretas, esta fala agochada pode remontarse ao final do século XVIII; nesa época Frai Juan Sobreira Salgado fai constar nunhas fichas recollidas con palabras galegas o termo Baralládo, que define como El idioma obscuro particular de los córdeyros o cordeleros de tierra de Rocas.

A finalidade básica da utilización desta xerga era a de que todas aquelas persoas que non pertencesen ao grupo, non se decataran do que os individuos do mesmo pretendían transmitirse entre eles. Esta lingua agochada era para estes homes unha sinal de identidade que lles confería unha diferenciación co resto dos mortais, reportándolles un plus de autoestima e por tanto unha certa sensación de seguridade no marco socio-laboral no que tiñan que desenvolver os seus traballos; ademais, e non menos importante, proporcionaba unidade entre os membros do colectivo.

Foron varias, non moitas, as persoas que viñeron a preocuparse de compilar os vocábulos que puideron utilizar estes ambulantes, e dende Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coa compilación feita nos anos 40 do pasado século, posiblemente no seu exilio en Estados Unidos ou na Arxentina, pasando por Xosé Ramón Fernández Oxea, Domingo Álvarez Álvarez, Xosé Antón Fidalgo Santamariña e Faustino Rodríguez Fernández, Jorge Rodrigues Gomes ou mesmo Xosé Fernández Ferreiro, escritor de Nogueira de Ramuín, foron quen de aportar algo máis de 1600 termos, entre unidades léxicas e compostos, que son os que na actualidade conforman O Barallete que nos ocupa.

O Concello de Nogueira de Ramuín xunto coa Deputación Provincial de Ourense xa editara, no ano 1987, un pequeno libriño en edición facsímile, extraído do libro Santa Marta de Moreiras, do inesquecíbel Xosé R. Fernández Oxea 'Ben Cho Shey', e as mesmas institucións volven, 32 anos despois, a publicar un modesto traballo para o gran público, titulado 'O BARALLETE. O segredo mellor gardado', onde se poden atopar todos eses termos recollidos polos estudosos antes citados e mesmo con algunhas novas incorporacións facilitadas por antigos profesionais do noso concello

Esta institución quere aportar así o seu pequeno gran de area para que este ben inmaterial non caia no esquecemento, apoiando tamén todas aquelas iniciativas orientadas a fomentar a figura do afiador como elemento referencial da etnografía popular da nosa provincia.Para todas aquelas persoas que poidan estar interesadas en profundar na vida, usos e costumes destes profesionais da ambulancia ou na súa lingua agochada, pómonos a súa disposición no noso Departamento de Cultura.
ALGÚNS VOCÁBULOS, COMPOSTOS, FRASES E EXPRESIÓNS EN BARALLETE
Queremos deixar aquí unha pequena mostra dalgúns vocábulos e compostos léxicos e sintagmáticos, ademais dalgunha frase e expresión desta fala especial, utilizados en séculos pasados por estes homes que levaron o nome de Ourense polo mundo adiante.Pode ser unha toma de contacto para seguir profundando nesta xerga propia da nosa provincia e tentar darlle así un pouco de vida a unha lingua que por desgraza xa non se emprega dende fai varias décadas.
ALGUNHAS FRASES E EXPRESIÓNS EN BARALLETE
BARALLETE
GALEGO
Anubla que amecen os belbas e vannos trenar
Escóndete que veñen os gardas civís e vannos meter presos
O bicudo do moreno tizou todato o bérrio
O xabarín comeu todo o millo
Mimén soamente arromano o barallete cos beléns do labreño
Eu soamente falo o Barallete cos homes do oficio
Que che aparanta o caneante?
Que hora é?
Non intervas nexo!!
Non entendes nada!!
Aínda apara cedórreo!!
Aínda é cedo!!
ALGÚNS COMPOSTOS EN BARALLETE
BARALLETE
GALEGO
A DA GAURRA
LÚA
BICUDO DO MORENO
XABARÍN
GRAN ORETEIRO
MAR
GUAINA DOS FELADOS
CEMITERIO
MICHIALBEIRO
MEDIODÍA
MOUGA FUL
VINAGRE
ORETAR POLA PELETRANA
SUAR
ORETAR POLOS MIREOS
CHORAR
QUEIMAGANCHOS
FERREIRO
ZÚRRIA DE BICUDO
XAMÓN
ALGÚNS VOCÁBULOS EN BARALLETE
BARALLETE
GALEGO
AGUSTÍN
ACEITE
ALTEIRO
CEO
ARREADOR
AFIADOR
BATA
NAI
BEIRO
CABALO
BELBAS
GARDAS CIVÍS
BELÉN
HOME
BIGARRA
BARBA
CANIEANTE
RELOXO
CAXIGA
CURA
CHIÁN
CARRO
CLARO
DÍA
CORRENCIO
ANO
DOCA/O
CAN
FACÓRREO
COITELO
FIAÑA
ROUPA
FOLLATO
PARAUGAS
FRETE
FRÍO
GARLEA
BOCA
GRELEIRA
CAMISA
GUAINA
CASA
CUCHÍA
PORTA
GUMARRA
GALIÑA
GUINCHO
PANTALÓN
INTERVAR
ENTENDER
LABREÑO
TRABALLO
LAPETAR
ROUBAR
LOURÉN
SOL
MEA
OVELLA
MEIXÚA
POUSADA
MIRCO
LOBO
MIREOS
OLLOS
MOUGA
VIÑO
MUTILO
RAPARIGO, APRENDIZ
NACEIRO
PATRÓN, MESTRE DO OFICIO
ORETA
AUGA
PILDE
CU
PILTRA
CAMA
QUEICOA
DEUS
RABUDO
MES
RALEIRO
MUIÑO
REQUICHA
AUGARDENTE
RÍA
PEDRA
SABANTE
MESTRE
TAFENO
DEMO
TARAZANA
RODA DE AFIAR
TIZA
COMIDA
TOLA
TABERNA
TRINCANTA
TESOIROA
VARANTE
ALCALDE
VIVELO
OURO
VOLTADEIRA
BICICLETA
XAMONDA
NAVALLA
XIL
FAME
XINGREIRO
MÚSICO
XÚA
LUME
XUIÑA
ESTRELA
ZAGARRA
MAZÁ
ZURO
DIÑEIRO
ZÚRRIA
PERNA

dirección

Estrada de Nogueira,3-32160 Luintra
32160 Nogueira de Ramuín
Ourense

Contacto

telf: 988 20 10 23
fax: 988 20 11 20
info@nogueiraderamuin.com