Concello de Nogueira de Ramuín

Monumento Histórico-Artístico declarado (1923). Mosteiro benedictino situado no característico bosque caducifolio, cuxa existencia está documentalmente probada no século X, aínda que a súa orixe parece remitirse aos séculos VI e VII. Igrexa de base románica pero con elementos de estilo gótico, observables na súa planta basilical de tres naves e tres ábsidas semicirculares. A destacar os arcos de medio punto, o retablo de pedras e as bóvedas. Mosteiro con fachada barroca do século XVIII e tres claustros (1 románico - gótico e 2 renacentistas).
É de orixe románica. As obras comezaron na segunda metade do s. XII aínda que seguirían ao longo dos séculos XVI e a principios do XX. Da obra románica, consérvanse dúas portadas e os canecillos. A porta principal forma un abocinado de tres arquivoltas que descansan sobre catro columnas rematadas en capiteis decorados con motivos florais. No tímpano aparece un león esculpido sobre unha folla. A espadana, é xa obra do s. XVI.
Panteóns funerarios edificados entre o 3.500 a.C. e o 2.000 a. C. polos primeiros agricultores e pastores que coñecemos na zona. Están formados pola cámara (anta) e o túmulo (mámoa) unha morea de terra e pedras que reforzan a superficie do túmulo.
Pequeno pobo con encanto, lugar de nacemento do escritor Xosé Fernández Ferreiro e no cal pasou a súa nenez o soado produtor cinematográfico Cesáreo González.

Situado a escasos 3 quilómetros de Luíntra, na parroquia de Santa Cruz de Rubiacós, este lugar segue mantendo a esencia dos típicos pobos e aldeas do rural galego. A destacar o empedrado da súa rúa principal e a arquitectura popular das súas vivendas.

Ancorada na ladeira que descende ao río Sil e a 1 km. da estrada OU-0508, atopámonos esta pequena e bonita aldea da parroquia de Santo Estevo de Ribas de Sil, cunhas privilexiadas vistas sobre o canón.

De aquí parte un precioso carreiro de 1´3 km. que nos achegará ata o mosteiro de Sto. Estevo paseando entre a frondosidade dos bosques de carballos e castiñeiros.

Situado na vertente que mira á depresión ourensá e ao río Miño, atopámonos este pobo de singular beleza pertencente á parroquia de San Martiño de Nogueira.

Comentar, como anécdota, que as famosas 'Tarazanas', rodas de afiar que os afiadores ambulantes transportaban a modo de carretilla nos seus desprazamentos, comezaron a fabricarse alá pola segunda metade do século XIX nun taller de carpintería establecido neste lugar.

Elemento icónico situado nas proximidades da Necrópole Megalítica de As Cabanas de Moura e de gran aceptación popular, que permite gozar dunhas extraordinarias vistas cara a poñente, sendo especialmente fermosas no solpor, de aí o seu nome.

No lugar coñecido por 'A Pena do Probe', preto do miradoiro de Pé do Home, poderemos sentarnos neste elemento icónico a contemplar a preciosa panorámica sobre o embarcadoiro e a presa de Santo Estevo.

Consagrada en honor a San Cristovo, aparece nomeada en documentos do s. XII. Actualmente, ten planta e ábside rectangular. A fachada oposta, a poñente, mostra unha portada románica con arquivolta e baquetón, unha media cana e semiesferas ou bólas de Ávila. O tímpano é liso. As arquivoltas descansan sobre capiteis e columnas encostadas. A fachada, cun óculo circular, remátase nunha espadana de dous arcos. No ábside ábrense pequenos vans decorados con elementos antropomorfos, zoomorfos e fitomorfos.
A só 32 quilómetros da capital ourensá e a 12 da localidade de Luíntra , no encoro de Santo Estevo, sitúase o embarcadoiro do catamarán que realiza o traxecto fluvial polo impresionante Canón do río Sil.

Milleiros de persoas achéganse cada ano ata este punto do noso concello co fin de coñecer de primeira man as sensacións que ofrece esta marabillosa travesía de hora e media por unha das paraxes máis agrestes da Galicia interior.

Na parroquia de Loña do Monte e situada a máis de 900 metros de altitude, atopámonos con esta ermida do século XVIII consagrada na honra á Virxe María.

A edificación sitúase nun precioso enclave de media montaña e rodeada dunha área recreativa onde cada 15 de agosto celébrase unha multitudinaria romaría, con procesión incluída, que reúne a veciñas e veciños de toda a contorna, os cales acabarán descendendo á Santa, camiñando uns 4 quilómetros, ata devolvela á igrexa parroquial.

Tamén coñecido por miradoiro de Moura, sitúase nun privilexiado emprazamento da parroquia de San Xoán de Moura.

A preciosa panorámica que nos ofrece este miradoiro sobre o Canón do Sil, permítenos contemplar o discorrer do río entre as presas de San Esteban e San Pedro. Na vertente ourensá divisaremos o Mosteiro de San Esteban e a frondosidade dos bosques de carballos e castiñeiros que a cobren. Na ladeira lucense contemplaremos o pobo de Pombeiro, onde se sitúa o antigo Mosteiro do mesmo nome, a pequena aldea de San Cosmede e a vía férrea que leva á estación de Santo Estevo dirección Monforte de Lemos.

Desde este antigo xacemento da idade do ferro poderemos obter as mellores instantáneas do Mosteiro de San Esteban e a súa contorna. Un precioso miradoiro ao que accederemos desde o lugar de Pombar ou ascendendo desde o mesmo pobo de San Esteban e que forma parte do percorrido do chamado Camiño Natural da Ribeira Sacra.

Espectacular miradoiro na parroquia de Santiago de Cerreda desde o que divisaremos o embarcadoiro de Santo Estevo, na zona ourensá, e o pequeno peirao de Os Chancís, a pé da ladeira lucense. Os impresionantes bloques graníticos que observamos desde aquí, crebados fai máis de 50 millóns de anos, e entre os que sucan as augas do Sil as embarcacións de recreo, dannos unha idea da maxestosidade da natureza neste punto.

A destacar 'A Alvariza do Vello', elemento etnográfico bastante ben conservado, que outrora facia ás veces de construción protectora das colmeas ante a ameaza dos osos para procurar o delicioso manxar que estas contiñan, o mel.

Nos límites co Concello de Parada de Sil atópase o lugar de Vilouxe, desde aí poderemos acceder ata o miradoiro, posiblemente, máis impactante de cuantos miran ao Canón do Sil dentro do noso municipio.

Teremos enfronte noso a inmensa mole granítica que perfila o coñecido meandro e que xunto ás tomas realizadas desde o Miradoiro de Cabezoás ou desde o de Balcóns de Madrid, ambos en terras de Parada, sexan talvez as máis difundidas deste singular espazo natural.

dirección

Estrada de Nogueira,3-32160 Luintra
32160 Nogueira de Ramuín
Ourense

Contacto

telf: 988 20 10 23
fax: 988 20 11 20
info@nogueiraderamuin.com