Concello de Nogueira de Ramuín

Estimada veciñanza,
Ábrese unha nova etapa política en Nogueira de Ramuín, un camiño que albíscase complicado polas circunstancias que estamos a atravesar e que sen dúbida precisará da unidade e do esforzo de todas e todos. Xuntos temos que traballar para facer que o noso concello siga sendo un lugar agradable para vivir, un sitio onde nos sintamos cómodos e seguros, un espazo do que poidamos seguir presumindo pola súa beleza e hospitalidade. Quero que saibades que este equipo de goberno e as demais forzas que conforman o arco político municipal, estamos comprometidos en deixar o mellor de nós para tentar mellorar a calidade de vida das persoas das distintas parroquias deste municipio.
A proximidade coa veciñanza será unha prioridade neste mandato. Escoitar as vosas demandas e inquedanzas para tentar dar solución os problemas que se vaian presentando e responder á confianza que depositastes en nós. O noso traballo tamén irá dirixido á promoción constante do municipio como parte deste puxante destino turístico que é a Ribeira Sacra, dedicándonos á preservación, mantemento e posta en valor do noso patrimonio natural e cultural, na procura, en todo momento, dun desenvolvemento sostible. Así pois, podedes estar seguros que non escatimaremos esforzos para xestionar os recursos, tanto materiais como humanos dos que dispomos, para a consecución deses fins e para que todas e todos os veciños vos sintades orgullosos de pertencer a este privilexiado concello que é Nogueira de Ramuín.
O meu agarimoso saúdo.
Julio Carlos Temes Pereira

dirección

Estrada de Nogueira,3-32160 Luintra
32160 Nogueira de Ramuín
Ourense

Contacto

telf: 988 20 10 23
fax: 988 20 11 20
info@nogueiraderamuin.com