Concello de Nogueira de Ramuín

Escudo
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 419/2009, do 12 de novembro, polo que se aproba o escudo do Concello de Nogueira de Ramuín, Ourense.

O Concello de Nogueira de Ramuín, Ourense, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, e no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o escudo do Concello de Nogueira de Ramuín, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

En campo de sinople unha roda de afiador e paraugueiro de ouro, sobre ondas de prata e azur; bordo de azur cargado de nove mitras de ouro cargadas dunha cruz enarborada de gules. Ao timbre coroa real pechada.

Santiago de Compostela, doce de novembro de dous mil nove.
Bandera
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 155/2010, do 9 de setembro, polo que se aproba a bandeira do Concello de Nogueira de Ramuín.

O Concello de Nogueira de Ramuín, Ourense, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A compentencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia e no regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de setembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Nogueira de Ramuín, Ourense, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

«Pano de verde e azul dividido en vertical por un filete de branco; o pano de verde da hasta cunha roda de afiador e paraugueiro, e no de azul da batente con nove mitras de amarelo cargadas de cadansúa cruz enarborada de vermello.

A roda de afiador e paraugueiro representa a profesión itinerante de afiador, cuxa fama e valía se estendeu desde este municipio por toda Galicia; a cor verde indica a riqueza forestal, onde destaca o castiñeiro e o pintoresco contorno paisaxístico e ambiental; e as nove mitras son as armas heráldicas do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e aluden aos nove santos bispos que se refuxiaron nel.»

Santiago de Compostela, nove de setembro de dous mil dez.

dirección

Estrada de Nogueira,3-32160 Luintra
32160 Nogueira de Ramuín
Ourense

Contacto

telf: 988 20 10 23
fax: 988 20 11 20
info@nogueiraderamuin.com