Concello de Nogueira de Ramuín

MÁMOAS – Túmulos funerarios
Sepulcro sobre terra empregado desde o Neolítico ata ben entrada a idade do Bronce (6000 – 2000 a. C.).

Este tipo de monumento megalítico é anterior á inhumación (enterramento do cadáver).

O túmulo funerario coñecido en Galicia co nome de 'mámoa' (mama ou seo), pola súa similitude co dun peito feminino, consta basicamente dunha construción megalítica, máis ou menos grande, cuberta totalmente de terra que á súa vez é recuberta con gran cantidade de pequenas pedras para a súa preservación.

Este tipo de sepulturas podémolas atopar de forma individual ou con varios destes monumentos formando necrópoles.

Polo xeral situábanse en lugares non aptos para a agricultura e en planicies ben visibles como sinal de advertencia de territorio xa ocupado para coñecemento doutros grupos ou tribos.

A súa construción era moi laboriosa e precisaba de moitas mans e tempo, o que viría explicar que soamente se erixisen na honra de certos personaxes relevantes do clan.

O proceso comezaba coa selección de grandes pedras (ortostatos), as cales servirían como soportes verticais para a gran laxa que estes terían que soportar a modo de 'tapa de sartego'.

Estes megalitos transportábanse mediante cordas e rodetes de madeira (troncos), ata as gabias onde irían fixados. Para colocar a laxa superior é cando procedían á acumulación de terra ao redor dos ortostatos e así poder ascendela por unha das ramplas habilitadas, ata rematar a estrutura desexada, quedando dese xeito conformado o dolmen ou anta.

No interior do dolmen (cámara), colocábase o corpo do falecido ou as cinzas deste, depositadas nunha vasilla de barro xunto coas pertenzas do finado (armas, ferramentas, cerámicas e outros).

Para finalizar o monumento funerario, remataban cubrindo a estrutura pétrea con máis terra e por encima do montículo resultante colocaban gran cantidade de pequenas pedras (coiraza), para a fixación e preservación do mesmo.

A día de hoxe, no noso concello temos catalogados 2 espazos ocupados por estes elementos arqueolóxicos: o coñecido como a Necrópole Megalítica de 'As Cabanas de Moura', formado por 7 túmulos, e outros 2 túmulos localizados no lugar de As Lamagorzas.
OS PETRÓGLIFOS
Coñécense por petróglifos (pedras gravadas), aquelas rocas que se atopan ao aire libre e que foron talladas, ben por raspado, piqueteado ou martillado, por habitantes de distintas épocas.

Estas superficies, na súa maioría graníticas, rexistran os rastros da actividade humana en diferentes períodos de tempo, sendo aínda unha incógnita o significado de moitos destes símbolos, coñecidos como insculturas.

A cronoloxía destes gravados prehistóricos, encadrados dentro da arte rupestre e que reflicten o imaxinario dos nosos antepasados, non foi establecida aínda co suficiente rigor, enmarcándose nunha ampla temporalidade que posiblemente se inicie na cultura megalítica de finais do período neolítico e esténdase, sobre todo, durante a idade dos metais.

A maioría dos petróglifos de Galicia están datados na idade do Bronce ( aprox. 2500 a. C), e as estacións de arte rupestre pódense atopar dispersas en toda a nosa xeografía, sendo ata o de agora a provincia de Pontevedra a de maior riqueza destes elementos, tanto en densidade como en variedade simbolóxica.

As representacións máis antigas e abundantes nos petróglifos galegos son as denominadas 'coviñas' ou cazoletas, os círculos e as combinacións circulares, progresando no tempo con figuras zoomorfas, antropomorfas, labirintos, abstractos, cadros, ferraduras, podomorfas e outras.

Outros símbolos gravados como as cruces, invadindo ou compartindo espazo cos anteriores, pertencerían xa ao alto ou baixo Medievo e en ocasións terían unha clara intención de cristianización deses espazos ou mesmo de sinalización delimitadora de territorios.

No noso concello temos localizados ou catalogadas varias estacións rupestres: Lamaforcada, O Corniño, Ver de Fondo, Pé do Home, Gundiás, Nigueiroá, Luíntra, Valdomar e outras. Seguramente son moitas as rocas gravadas que irán aparecendo co tempo e a súa posta en valor, coidado e preservación será responsabilidade de todos.
OS CRUCEIROS
Elemento destacado da arte popular en Galicia e bastante estendido tanto nas urbes como nas localidades do rural.

Cruces de camiños, prazas, lugares próximos a igrexas ou cemiterios, foron as localizacións máis comúns para a instalación destas cruces de pedra desde hai varios séculos.

A orixe e a funcionalidade destes elementos é, aínda hoxe, unha incógnita.

Estes símbolos pétreos que posiblemente respondan a cultos pagáns ou marcas de orientación, foron posteriormente cristianizados e a súa proliferación en Galicia estímase a partir do século XVI.

Desde entón foron moitas as funcións que se lle atribúen a estes monumentos relixiosos, entre as que podemos destacar: a finalidade santificadora dos lugares onde eran instalados, símbolo protector ante influxos demoníacos e feitizos, sinal orientador e lugar de descanso para peregrinos, lugar de enterramento de neonatos non bautizados, sinal anunciador da proximidade de mosteiros ou santuarios e outras.

Son varios cruceiros, tanto en espazos públicos como privados, os que temos distribuídos polo municipio: Alberguería, Carballeira, Faramontaos, Paradaseca, San Miguel Do Campo, Santo Estevo e Vilar, de distintos estilos de construción e con maior ou menor ornamentación artística.
OS PETOS DE ÁNIMAS
O peto de ánimas é un elemento relixioso característico da arquitectura popular, situado en lugares estratéxicos como cruces de camiños e cuxa finalidade era a de recoller sufraxios, tanto en forma de oracións como de esmolas, para lograr que as almas que se atopaban purgando pena abandonasen o Purgatorio canto antes e conseguisen a Gloria.

Estas 'pequenas capelas', case sempre construídas en pedra de granito, presentan dous elementos básicos na súa construción: a hucha (peto), onde ían parar as esmolas e o nicho co retablo que representa as ánimas e a súa salvación.

As dimensións, máis ou menos grandes, a riqueza ornamental: pináculos, cruces e figuras, como a iconográfica dos retablos das almas, dependían en gran medida dos orzamentos económicos como da categoría do mestre canteiro.

No noso Concello son 7 os Petos de ánimas catalogados, datados a maioría deles nos séculos XIX e XX, sendo o que se atopa á beira da capela de San Cayetano en Eiradela un dos máis destacables, tanto pola súa tipoloxía como pola ornamentación que presenta.
OS HÓRREOS
Xa desde tempos inmemoriais temos constancia da elaboración de aparellos para o almacenamento de produtos agrícolas de recolección. Normalmente eran pequenos dispositivos feitos de varas entretecidas (tipo cesto), con teito de palla, que se podían desprazar dun lugar a outro.

Coa chegada á Península do millo das Américas, alá pola segunda metade do século XVI, comezaron a proliferar as plantacións deste novo cereal e a desprazar ás de trigo e centeo, facéndose necesario a construción de novos celeiros capaces de dar cabida ás espigas para a súa conservación.

O apoxeo do hórreo, tal e como hoxe o coñecemos en Galicia, poderíamos datalo entre finais do século XVIII e ata ben entrado o XX.

Son varios os tipos de elaboración de estas construcións tan importantes no rural galego e dependendo dos materiais dos que se dispuxese en cada zona, as tres variantes serían: 1ª)Todo de madeira,2ª) Mixto ( pedra e madeira) e 3ª) Todo de pedra.

Para os tellados, normalmente a dúas augas, empregábanse tellas curvas, lascas de pedra ou de lousa.Sinalar que en moitas das construcións máis recentes, podémonos atopar elementos como: ladrillo, aluminio, cristal, cemento e outros, que veñen a desvirtuar a beleza das mesmas.Tamén son varios os nomes con qué se poden denominar: Hórreo, canastro, cabaceiro, espigueiro, graneiro, piorno e outras.

No noso Concello hai máis de 500 hórreos esparexidos por todas as parroquias (sen contar aqueles que xa non teñen cámara e dos que soamente se conservan os esteos ou cepas que testemuñan a súa presenza noutros tempos), sendo as de San Martiño de Nogueira, Santa Cruz de Rubiacós, San Cristovo de Armaríz, Santa Baia de Luintra e Santa María de Faramontaos, sobre todo no lugar de Eiradela, onde a presenza destas construcións é máis abondosa.
AS AIRAS.
Outro elemento importante dentro do ciclo agrícola colectivo do rural galego, era a Aira ou Eira.

A Aira era o lugar do pobo onde se realizaba a Malla, que consistía en procesar as colleitas de trigo, centeo ou cebada, separando o gran de cereal da cana de palla.

Ao principio facíase manualmente, golpeando grandes feixes estendidos no chan da Aira, previamente varrido, cos chamados mallos, ferramentas de madeira divididas en dúas pezas e unidas entre elas con tiras de coiro; a peza máis longa sería o mango e a pequena a que servía para golpear as espigas.

O traballo da Malla facíase de forma colectiva e nel colaboraba a práctica totalidade da xente do pobo.

Non hai parroquia en Nogueira de Ramuín que non conte cunha ou varias Airas distribuídas nos distintos lugares das mesmas.
OS MUIÑOS DE AUGA
A acción de reducir unha materia sólida a anaquiños máis pequenos, a po ou a líquidos, vense practicando desde moi antigo.

A moenda de grans de cereais para reducilos a sémola ou a fariña, sitúase a finais do período Neolítico e comezos da idade dos metais, coincidindo coa implantación e expansión da agricultura.

Os primeiros muíños dos que se teñen constancia eran pequenos artefactos de acción manual que constaban dunha pedra inferior fixa e outra superior de menor tamaño que se usaba como moa, a cal por movemento e presión continuada sobre as sementes iría reducíndoas aos poucos ata conseguir un estado do cereal máis fácil de dixerir.

A aparición dos primitivos muíños de auga poderiamos situala na idade antiga, concretamente en Persia, Grecia ou Roma, cara ao século IV a. C., senón antes.

Os primeiros enxeños deste tipo moveríanse con rodas verticais tipo 'Vitrubiano', pero os muíños de ribeira de rodas horizontais, mellor adaptados para ríos e arroios de menor caudal, comezarían a proliferar en zonas máis complicadas a partir do pleno Medievo (séculos XI e XII), sobre todo co asentamento das comunidades monásticas.

Estes elementos foron pezas fundamentais na nosa actividade agrícola ata ben entrado o século XX.

No noso concello atoparemos estas construcións distribuídas por case todas as parroquias e lugares polas que discorra un río ou regato co caudal suficiente para xustificar a súa instalación. Cerreda, Vilar, Sto. Estevo, Loña do Monte, Armaríz, Viñoás, Faramontaos e outros.
OS SEQUEIROS DE CASTAÑAS
Dentro da arquitectura popular galega atopamos este singular elemento propio das provincias de Ourense e Lugo.

Varios séculos antes da chegada do millo e da pataca das 'Indias', un dos alimentos básico nos fogares galegos era a castaña e para poder conservala durante todo o ano era necesario facer un proceso de secado e pelado.

Unha vez recollido o froito nos soutos, levábase este ata o 'Sequeiro' e íase esparexendo no chan ( canizo ou caniceira), do piso superior denominado 'sobrado'.

Este chan construíase con varas entretecidas ou con táboas un pouco separadas entre elas para deixar pasar a calor e o fume procedentes da fogueira que se facía no chan de terra do piso inferior.

Durante certo tempo (20/25 días), mantíñase o proceso de deshidratación e unha vez concluído procedíase a 'pisa', que consistía en introducir certa cantidade de castañas nun saco e, ou ben se pisaba ou se ía golpeando entre dúas persoas contra unha superficie dura como podería ser unha gran pedra.

Finalizaba o pelado cun apeiro de madeira (bandoxo) mediante enérxicos movementos oscilantes que permitían ir deixando as castañas ben limpas. Logo escollíanse as mellores castañas para a súa venda, outras eran para consumo propio e as máis ruíns para darlle aos animais domésticos (porcos, galiñas, etc…).
OS LAVADOIROS PÚBLICOS
Construción popular de uso colectivo que comezou a xeneralizarse no rural desde finais do século XIX, aínda que temos constancia destes elementos con bastante anterioridade.

O lavado de roupa facíase habitualmente en ríos e arroios, pasando posteriormente a realizarse en barreños ou balde nas propias casas.

Co paso do tempo foron aparecendo estes lavadoiros colectivos, que ademais de servir para a finalidade para a que foron concibidos, servían tamén, aproveitando o tempo da tarefa de lavado, de lugar de encontro e distensión (faladoiro, murmuración, cantos, refráns), para as mulleres, que eran as que realmente utilizaban estes espazos.

Estas construcións levantábanse preto dun caudal de auga como fontes ou mananciais, canalizando a mesma ata un ou máis depósitos, polo xeral de granito ou formigón. Sobre as paredes destas estruturas colocábanse laxas de pedra en posición inclinada e dirixidas cara ao interior do depósito para que as pezas de roupa puidesen ser enxaboadas, fregadas, golpeadas e aclaradas sen necesidade de ter que axeonllarse.

Nun principio construíanse ao descuberto pero pouco a pouco foron cubríndose con estruturas tipo alpendre para protexer ás lavandeiras das condicións meteorolóxicas como a choiva ou os sufocantes raios solares.

O seu uso estendeuse, sobre todo no rural, ata ben pasada a segunda metade do século XX e aínda que seguen empregándose de forma esporádica, hai xa décadas que caeron en desuso e a súa rehabilitación xustifícase como a conservación dun ben patrimonial que dá testemuño cultural e sociolóxico da vida da comunidade en tempos pasados.

En todas as parroquias do municipio atopamos un ou máis lavadoiros e como exemplo destacamos este do lugar de Liñares pola súa singularidade e por estar datado a finais do século XVIII.

dirección

Estrada de Nogueira,3-32160 Luintra
32160 Nogueira de Ramuín
Ourense

Contacto

telf: 988 20 10 23
fax: 988 20 11 20
info@nogueiraderamuin.com