Concello de Nogueira de Ramuín

OCUPACIÓN HISTÓRICA DO TERRITORIO.
Xa temos constancia da presenza do ser humano en terras de Nogueira de Ramuín dende tempos do Paleolítico Superior (40.000 – 10.000 a.C.), senón antes. Achados de útiles líticos como bifaces e raederas ou machados de cuarcita, veñen a testemuñar tal feito.A necrópole megalítica de As Cabanas de Moura (7 túmulos ou mámoas), encravada na altiplanicie do lugar coñecido como Alto do Rego, e as 2 “mámoas” situadas no lugar de As Lamagorzas, son a proba dos primeiros poboadores sedentarios (gandeiros e agricultores) no noso municipio no período de transición entre o Neolítico final e a primeira idade dos metais (4.500 – 2500 a.C.).Os petróglifos localizados en Lamaforcada, O Corniño da Serra Corveira, Pé do Home, Ver de Fondo e outros moitos esparexidos polo municipio, amosan a arte rupestre (sobre todo circos concéntricos, coviñas ou cazoletas), propia da Idade do Bronce (1.800 – 700 a.C).

Tamén están datados no Bronce Final (1300 - 700 a.C), os restos arqueolóxicos descubertos en 1954 na conca do río Sil, a altura do que hoxe é a presa de Sto. Estevo, e que se compoñen de: dúas puntas de lanza, un colgante e a chamada “espada de Sto. Estevo”. Estes restos foron catalogados no seu momento como dos máis importantes achados do Bronce Final na península Ibérica, estando depositados no Museo Arqueolóxico Nacional. Situándonos na Cultura Castrexa (VII a.C – II d.C), podemos catalogar varios Castros dentro dos límites do noso municipio; A Torre da Cidá, entre Valdopereiro e San Miguel do Campo, gran castro romanizado e refortificado na Idade Media, o asentamento da Idade do Ferro de Os Penedos do Castro en Santo Estevo, o denominado Outeiro de Castro en Faramontaos, son algúns dos exemplos máis representativos desa época.A presenza dos poboadores na ocupación romana, queda constatada co achado de dúas sepulturas galaico - romanas nunhas escavacións feitas no ano 1994, con motivo da construcción dunha depuradora no lugar de Os Muros, na parroquia de Loña do Monte. O traballo feito pola arqueóloga Mª C. Varela Barrios, data estes restos funerarios no século IV d.C.Desgraciadamente nada queda na actualidade nese lugar.

A título de comentario sinalar que algúns investigadores sitúan parte do trazado da calzada romana denominada Vía Aquae Flaviae-Salientibus-Dactonium (Chaves- Baños de Molgas- Monforte de Lemos), transcorrendo perpendicular á Vía XVIII e que atravesaba Loña do Monte, Souto, Rubiacós, Cortecadela e Pombar, cruzando o río Sil en barcas e continuando camiño cara Monforte. Pouco sabemos do paso dos Suevos por estas terras durante o século e medio largo que estiveron reinando en Galicia (420 – 585 d.C.). A finais do século VI chegaron os Visigodos e a única posible pegada que deixaron neste territorio foi a inscrición que se atopa nunha rocha granítica no asentamento de Os Penedos do Castro e na que podemos ler:+LEOVIGIL / DUX, atribuíndo algún historiador a autoría da mesma a un duque de Leovigildo, rey dos visigodos.

A principios do século VIII os musulmáns intérnanse en Galicia, e sen chegar a ocupala permanecen por aquí uns 40 anos deixando moitos topónimos en case todo o territorio. En Nogueira de Ramuín podemos atopar algúns como: Penedo dos Mouros nas proximidades de A Buzaxe (A Carballeira), Cruz de Moura, San Xoán de Moura, A Moura (Loña do Monte).

Da denominada Alta Idade Media (séculos V ao X), momento de auxe do feudalismo, temos referencia da fundación da ermida de San Xoán de Cachón polo abade Frankila (ano 918). No ano 921 o Rei Ordoño II encarga a este abade xunto co conde Gutierre Menéndez, pai de S. Rosendo, a reconstrución do mosteiro de Sto. Estevo de Ribas de Sil. Tamén se refunda o antigo mosteiro de San Vicente do Miño (A Carballeira) no ano 952, rexido polo mesmo S. Rosendo e o antes citado abade Frankila.

Outras referencias de este século altomedieval son a existencia de pobos como Alforme, Eiradela, Pacios e Vilar de Cerreda, mencionados no traballo feito por Emilio Duro Peña no ano 1977 sobre o Mosteiro de Sto. Estevo e que os cita xa habitados no ano 921. No mesmo traballo pódese constatar a existencia de case todos os núcleos de poboación do concello na Baixa Idade Media (séculos XII ata mediados do XV), Viluxe (1163), Cerreda (1163), Armaríz (1182), Fiscal (1196), Moura (1196), Gundiás (1214), O Campo (1215), Paradela (1220), Requeixo (1232), Rubiacós (1273), Malburguete (1319), Nogueira (1370), Ramuín (1430), Penalba (1430), Luíntra (1481) entre outros.As igrexas románicas de Sto. Estevo, San Martiño de Nogueira e San Cristovo de Armaríz, xunto co claustro dos Bispos do Mosteiro de Sto. Estevo son a representación máis salientable do románico dos séculos XII e XIII.

Entrados na Idade Moderna (do XV ao XVIII), mencionar que aparecen varias “Casas Grandes”, algunha posiblemente anterior á segunda metade do XV, que se levantaron arredor do Mosteiro de Sto. Estevo (Casa do Notario, Casa dos Condes de Bustavalle, Casa do Cirurxián, Casa da Audiencia) e outras como a Casa Grande de Pombar (1577). Tamén se constrúen nese período a maioría das igrexas parroquiais e as ermidas esparexidas por todo o municipio, na súa maior parte de estilo barroco e neoclásico, así como o Pazo da Seara (1717), ao carón do río Miño, na parroquia de A Carballeira.

Do século XIX datan, entre outras: o Pazo de Celeiros, a Casa Rectoral de Armaríz ou a edificación inicial onde se sitúa actualmente a Casa do Concello.

Xa no século XX, salientar a construción das presas de San Pedro e San Esteban no curso do río Sil, o poboado e a igrexa de A Rasa, a casa do antigo cuartel da Garda Civil e a igrexa de Luíntra.

dirección

Estrada de Nogueira,3-32160 Luintra
32160 Nogueira de Ramuín
Ourense

Contacto

telf: 988 20 10 23
fax: 988 20 11 20
info@nogueiraderamuin.com