EDUARDO BARREIROS RODRIGUEZ (1919 – 1992) 73 anos
Unha das personalidades máis salientables do noso Concello é , sen dúbida algunha, Eduardo Barreiros Rodríguez.
Nado en Gundiás, na parroquia de San Miguel do Campo, no ano 1919, fillo de Eduardo Barreiros Nespereira e Luzdivina Rodríguez, chegou a converterse no máis importante empresario do sector automobilístico de España, destacando pola transformación de motores gasolina a diésel.
Sendo neno xa comeza a traballar na empresa familiar de liñas de autobuses que creara o seu pai, facendo de revisor nos traxectos de: Ourense – Luíntra – Ourense e Ourense – Os Peares – Ourense. Logo entra a traballar de aprendiz no taller de mecánica Arce na capital e a partires de aí compaxina o seu traballo na liña de transportes coa reconstrución de motores nos talleres propios da empresa familiar.
Con vinte e poucos anos funda Barreiros Diésel, e a principios dos anos 50 trasladase a Madrid comezando a fabricación de motores industriais para camións, tractores, autobuses, maquinaria industrial, furgonetas e outros.
Nos anos 60 asóciase coa multinacional Chrysler e aparece Barreiros Chrysler, fabricando os primeiros modelos de automóbil Simca 1000, Simca 1200 e Dodge.
O seu enxeño, unido á perseveranza e á entrega no traballo, son os argumentos que acaban facéndoo merecedor de varios recoñecementos, entre eles: a Orde do Mérito Civil ou a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, entregada polo Goberno Español. No ano 1964, a prestixiosa revista The New York Times, inclúe a Eduardo Barreiros entre os seis empresarios máis importantes de Europa.
Logo de diversos acontecementos e multitude de investimentos noutros sectores empresariais, establecese en Cuba, onde falece en Febreiro de 1992.
XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO (1931 – 2015) 83 anos
Este poeta, periodista e escritor, nace en Espartedo, parroquia de Santa Cruz de Rubiacós (Nogueira de Ramuín).
Nomeado membro numerario da Real Academia Galega no ano 2013, o escritor Manuel Rivas Borrás, contestaba así ao seu discurso de ingreso nesa institución:
'Hoxe é un día grande para a Academia, para as Letras galegas, para a literatura e para o xornalismo. Vai entrar un afiador'
De seguido deixamos unhas liñas extraídas da páxina web (www.academia.gal), da Real Academia Galega, que fan un pequeno repaso da biografía e da obra deste entrañable personaxe de Nogueira de Ramuín que deixou dito, e así se reflicte no monólito erguido na praza de Luíntra, sobre a súa terra de nacemento:
'Se a nenez é o único paraíso do home, estas terras – Espartedo – foron o meu único edén.'
Biografía e Obra
Estudante de bacharelato en Ourense, xa nesta época empeza a escribir nos xornais ABC e A Noite, e funda tamén a agrupación cultural Xente Nova. En 1954 trasládase a Madrid a cursar estudos de xornalismo. Aquí funda -xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño e Ramón Lorenzo- o grupo Brais Pinto que desenvolverá unha intensa actividade cultural no Madrid dos cincuenta, editando os poemarios Bocarribeira, de Otero Pedrayo; Poemas do home que quixo vivir, de Bernardino Graña ou A noite, do propio Fernández Ferreiro. O nome e a épica do personaxe que lle pon nome ao grupo –un ficticio afiador ourensán que, despois de percorrer o mundo enteiro co seu oficio, e xa disposto a regresar á súa vila natal, morre atropelado por un tranvía en Madrid- atribúeselle a Fernández Ferreiro. Despois de licenciarse en xornalismo, traballou como redactor en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, O Correo Galego ou A Noite, e colaborou tamén cun bo número de publicacións como Graal, Vieiros, A Vangarda ou Destino. O seu labor profesional como xornalista mereceulle, en 1985, o Premio Galicia de Xornalismo.
Como escritor, a prolífica obra de Fernández Ferreiro abarca desde a poesía -que cultiva xa moi nova, cos libros Ribeirana do Sil, de 1952, e o vangardista A Noite, en 1959- ata o ensaio ou a crónica histórica. Pero será no narrativa –xénero que Fernández Ferreiro practicou en practicamente todas as súas sortes- a modalidade sobre a que cimentará a maior parte da súa produción literaria e do seu prestixio como autor de referencia nas letras galegas de hoxe. A súa carreira como novelista dá comezo en 1975 co primeiro western escrito en galego: A morte de Frank González, ao que lle seguen Morrer en Castrelo de Miño (1978), sobre a loita dos campesiños desta vila ourensá contra o encoro construído nas súas terras; A saga dun afiador (1980), na que constrúe unha epopea ao redor dos afiadores que partiron da chaira ourensá a percorrer o mundo; a novela memorialista A ceo aberto, de 1981; a ficción científica de Reportaxe cósmico (1982); A fraga dous paxaros salvaxes, finalista do Xerais en 1985; un relato onírico e desasosegante como O minotauro (1989); Agosto do 36, merecedora do Premio Xerais en 1991, e que supuxo o inicio da escritura sobre a materia da Guerra Civil nas nosas letras. A esta seguiríanlle A cidade dás chuvias (1994), Co medo nas mans (1996), Ou último paraíso (2001), Millo verde (2002), Vos últimos fuxidos (2004) e Tempo de centeo (2009).
CESÁREO GONZÁLEZ (1903 – 1968) 64 anos
De pais orixinarios do Concello de Nogueira de Ramuín, nace en Vigo no ano 1903 e xa de moi neno emigra a Cuba como axudante dun familiar que se dedicaba á venda ambulante.
Pouco se sabe da súa xuventude por terras cubanas pero ao parecer tivo una vida un tanto libertina, chegando a facerse xogador de póquer semiprofesional. De Cuba trasladase a México, onde casa cunha prima, filla duns tíos que rexentaban una panadería, dedicándose algún tempo a ese negocio ata que acaban vendendo o mesmo e regresando, cun capital considerable, á súa terra natal no ano 1931.
De novo en Galicia e facendo gala da súa astucia e do seu carácter emprendedor, inaugura en Vigo a sala de festas Savoy, conseguindo asemade a distribución da marca de automóbiles Citroën. Non lle deberon ir mal as cousas xa que no ano 1938 encarga a construción dun edificio de catro plantas na Praza de Portugal en Vigo e que aínda hoxe leva o seu nome.
A pouco de rematar a guerra civil (1940), comeza á súa prolífera carreira cinematográfica coa creación da produtora Suevia Films, chegando a producir e coproducir, entre os anos 1941 e 1967, máis de cento trinta películas nas que apareceron as actrices e actores máis relevantes do momento a nivel estatal e iberoamericano.
No ano 1953 inaugura o Gran Hotel, froito da remodelación do anterior Hotel Moderno que él mesmo adquirira uns anos antes e situado no fermoso edificio El Moderno, obra do arquitecto Michel Pacewicz e propiedade de Manuel Bárcena Franco, conde de Torrecedeira.
Falece en Madrid en marzo do ano 1968 contando 64 anos de idade.
CRISTINA PATO (Ourense 1980)
Aínda que nada en Ourense, sempre estivo moi vencellada ao noso Concello, concretamente á parroquia de San Cristovo de Armaríz, de onde era o seu pai Dositeo Pato, e pola que sente un agarimo especial.
A súa afección á música vénlle xa dende moi cativa, xa que tanto o seu pai como os seus tíos sempre foron grandes animadores nas xuntanzas e festexos populares, arrincándolle notas aos seus acordeóns.
Son varios os instrumentos musicais que Cristina Pato está capacitada para tocar, pero a gaita e o piano son cos que se expresa artisticamente con maior asiduidade.
Referente da música folclórica a nivel internacional, compaxina os seus concertos musicais coa composición, a docencia ou como conferenciante, deixando tamén as súas recensións como articulista en algúns xornais.
Unha formación envexable e unha extraordinaria bagaxe polos escenarios de todo o mundo, son as credenciais desta muller que sempre presume da súa galeguidade por onde queira que vai.